Cando empregamos a palabra «cultura» n’a linguaxe corrente, adoitamos caer n’unha simplificazón que, aínda que útil para a vida práctica, resulta absolutamente insuficiente cando pretendemos comprender a realidade profunda d’os pobos. Dicimos qu’unha cultura é a súa literatura, a súa arquitectura, a súa música, as súas instituzóns, a súa cienza, a súa relixión, as súas tradizóns, a súa gastronomía ou o conxunto de coñecementos qu’unha xerazón transmite á seguinte. Pero todo isto, por separado ou mesmo tomado n’o seu conxunto, non constitúe aínda a Cultura. Son as súas manifestazóns, as súas formas visibles, a súa pel histórica, o conxunto de pegadas que deixa n’o mundo exterior unha realidade moito máis profunda qu’as precede e as fai posibles.
Confundir a Cultura co’as súas formas sería aproximadamente o mesmo que confundir un organismo vivo c’o seu esquelete, co’a súa pel ou co’a suma d’as súas células. Poderiamos enumerar cada unha d’as partes d’un corpo e, con todo, non teriamos explicado aquilo que fai qu’ese corpo sexa precisamente ese corpo, aquilo que lle outorga unidade, direizón, crecemento e vida. d’o mesmo xeito, podemos catalogar bibliotecas enteiras, medir catedrais, estudar estilos artísticos, clasificar sistemas políticos ou describir as técnicas empregadas por unha sociedade e, malia todo iso, seguir sen tocar o núcleo verdadeiro d’a Cultura.
A Cultura non é primariamente unha coleizón de cousas: é un devir. É Das Werden, aquilo qu’está a facer-se, a realidade espiritual qu’aínda non se esgotou en formas definitivamente cristalizadas. Antes de ser unha biblioteca, a Cultura é a necesidade interior que fai posible escribir; antes de ser unha catedral, é a intuizón relixiosa qu’esixe erguer pedra cara a un determinado ceo; antes de ser unha matemática, é unha determinada maneira d’experimentar o espazo, o número, a orde e a extensión; antes de ser unha instituzón política, é unha determinada concepzón d’o poder, d’a comunidade, d’o destino e d’o tempo. Esta diferenza é decisiva.
A forma é o resultado, mentres qu’a Cultura é a forza que produce o resultado. A forma pertence ó mundo d’o xa feito; a Cultura pertence ó mundo d’o que fai». A forma pode conservar-se cando a alma qu’a produciu xa desapareceu: Un templo pode permanecer en pé cando o deus qu’o habitaba deixou de ser comprendido; unha lingua pode continuar empregando-se cando a intuizón d’o mundo qu’a estruturou xa se debilitou; unha instituzón pode funcionar durante séculos cando xa perdeu a necesidade espiritual que lle deu orixe. É precisamente n’este punto onde aparece a diferenza fundamental entre Cultura e Civilizazón: a primeira é vida creadora; a segunda é a permanenza mecánica d’as formas despois de qu’a forza creadora qu’as animaba comeza a extinguir-se, unha inerza que denota unha decadenza que, de manter-se n’o tempo, rematará humillando a esenza que lle deu lugar e desaparecendo…
Por iso a Cultura non pode ser entendida como unha propiedade individual. Non pertence a un home concreto, nin a unha xerazón concreta, nin sequera á suma aritmética d’os individuos que compoñen un pobo. É unha realidade transpersoal, supraindividual e supraorgánica. O individuo nace dentro dela, recibe d’ela a súa linguaxe, as súas categorías mentais, os seus símbolos, os seus medos, as súas aspirazóns e mesmo a maneira n’a que comprende a súa propia existenza. O individuo pode rebelar-se contra a Cultura, pode negala, combate-la ou tentar destruila; mais mesmo esa rebelión se produce desde o interior d’as formas qu’a propia Cultura lle proporcionou. Ninguén escolle desde cero a alma histórica n’a que nace. Ninguén esperta unha mañá e decide voluntariamente que vai experimentar o espazo d’un determinado modo, que vai concibir a morte segundo unha determinada. imaxe ou que vai crear unha determinada forma artistica. As grandes intuizóns que gobernan unha Cultural aparecen antes d’a concienza reflexiva d’os individuos e sobreviven despois d’a súa desaparizón. Son máis antigas que cada persoa e, en certo sentido, máis duradeiras que cada xerazón.
A Cultura é, así, unha unidade superior á persoa. Non é un ente xigantesco composto por millóns d’individuos, senón un organismo histórico que se expresa a través d’eles.
A natureza d’as culturas: Xénese e desenvolvemento
S’a Cultura é, como vimos, unha realidade que precede ó individuo e que non pode reducir-se á suma d’as súas manifestazóns, cómpre dar un paso máis e determinar a natureza d’a súa independenza. Non abonda con afirmar qu’unha Cultura posúe unha alma propia: debemos comprender qu’esa alma non é unha simple variante local d’unha alma humana universal, nin unha forma particular d’unha mesma esenza histórica que todo-los pobos comparten segundo diferentes comtextos. A Cultura é, en sentido estrito, un organismo autónomo. Nace d’un determinado chan, baixo unhas determinadas condizóns, esperta segundo unha necesidade interior que non escolle e desenvolve as súas posibilidades dende dentro de si mesma. O que chega a ser non estaba previamente deseñado n’unha Historia Universal entendida como unha liña única, senón qu’aparece como consecuenza d’o seu propio principio vital.
Esta afirmazón obriga a abandonar unha d’as ilusións máis persistentes d’a concienza moderna: a crenza de qu’existe unha única Historia d’a Humanidade, continua, acumulativa e ascendente, n’a que cada época representa necesariamente un avance respecto d’a anterior. Segundo esta concepzón, as sociedades antigas serían formas imperfectas d’unha mesma humanidade que camiña lentamente cara a unha realizazón definitiva, e cada civilizazón posterior podería apropiar-se d’as conquistas d’as anteriores para continuar indefinidamente unha marcha cara a un futuro máis desenvolto, máis racional, máis libre e máis poderoso. O pasado quedaría asíconvertido n’unha especie d’infanza colectiva d’a especie humana, mentres o presente representaría a súa madurez e o futuro a súa hipotética perfeizón.
Pero esta imaxe presupón precisamente aquilo que pretende demostrar. Da por feito qu’existe un único suxeito histórico a Humanidade qu’atravesa diferentes épocas conservando unha identidade esencial, acumulando coñecementos perfeizoando-se progresivamente. Desde unha perspectiva morfolóxica, tal concepzón resulta profundamente problemática. Unha Cultura non é unha estazón provisional n’o camiño cara a outra Cultura superior. Non é unha etapa que deba ser superada para qu’apareza unha forma máis perfecta d’a mesma realidade. É unha realidade completa en si mesma, cun nacemento, unha infanza, unha madurez, unha vellez e unha morte propias. D’o mesmo xeito que non existe unha biografía universal d’os organismos n’a que un organismo determinado sexa simplemente unha fase imperfecta doutro organismo futuro, tampouco existe necesariamente unha historia universal lineal n’a que cada Cultura sexa unha versión atrasada d’a seguinte. Hai organismos qu’aparecen, desenvolven as súas posibilidades, alcanzan unha forma plena e desaparecen. O feito de que un organismo posterior posúa unha estrutura máis complexa ou unha capacidade diferente non converte ó anterior n’un fracaso. Un carballo non é unha versión incompleta d’un cabalo, nin unha árbore é unha fase primitiva d’un animal. Son realidades diferentes, gobernadas por leis internas diferentes, e a súa existenza só pode ser comprendida desde a forma particular n’a que cada unha realiza as súas posibilidades. Isto mesmo acontece co’as Culturas.
Cada Cultura é un organismo histórico que posúe unha unidade interna que non depende d’a vontade consciente d’os seus indivíduos. Non nace porqu’unha serie de persoas decidan fundala, nin morre porque un gobernante determine administrativamente a súa desaparizón. A súa existenza desenvólvese por debaixo d’o nivel d’a decisión individual. Un pobo pode cambiar de réxime, adoptar novas técnicas, modificar as súas fronteiras ou substituír unha relixión por outra, mais por detrás desas transformazóns permanece durante séculos unha determinada estrutura espiritual que continúa dando forma ás súas creazóns. É precisamente esa continuidade invisible a que permite falar de Cultura e non simplemente de sociedade.
A autonomía biolóxica d’a Cultura debe entender-se, por tanto, n’un sentido morfolóxico e non zoolóxico. Non significa qu’unha Cultura sexa como tal un corpo biolóxico n’o sentido estricto d’a palabra, senón qu’o seu desenvolvemento obedece a unha lóxica interna comparable á d’un organismo vivo. Ten un centro de gravidade propio, unha direizón propia, unha determinada maneira de crecer e unha determinada maneira d’esgotar as súas posibilidades. Non recibe desde fóra o significado último d’as súas formas. Mesmo cando adopta elementos d’outras Culturas, incorpora-os segundo a súa propia estrutura, transformando-os ata face-los compatibles co’a súa alma.
Unha mesma forma pode, así, adquirir significados completamente diferentes en organismos culturais distintos. A pedra d’unha construzón, a elaborazón d’o coñecemento matemático, o corpo humano representado por un escultor, o ceo contemplado por un astrónomo ou a morte narrada n’un mito non son realidades culturais neutras ás que cada pobo engade posteriormente unha interpretazón accidental. O modo mesmo de percibilas, narralas, ordealas e comprende-las depende d’a estrutura espiritual qu’as recibe. Por iso a historia d’as disciplinas e o folclore non pode confundir-se co’a historia d’as Culturas. As formas poden viaxar, mais a alma que lle da significado, non. É aquí onde aparece outro principio fundamental d’as Culturas: a incomunicabilidade. Non debe entender-se esta palabra como unha imposibilidade absoluta d’intercambio material. As Culturas poden comerciar, guerrear, imitar-se, influir-se, traducir os seus textos, adoptar as súas técnicas e mesmo conquistar unhas ás outras. A historia está chea de préstamos, mesturas, sincretismos e transmisións. Sería absurdo negar esa realidade. O que resulta incomunicable é algo máis profundo: a estrutura interior desde a qu’unha Cultura confire significado ás formas que recibe.
Unha técnica pode transferir-se. Unha fórmula matemática pode copiar-se. Un estilo arquitectónico pode exportar-se. Unha palabra pode traducir-se. Unha instituzón política pode ser imitada. Pero o significado último qu’esas formas posúen dentro d’a alma d’unha Cultura non viaxa con elas.
Esta é unha distinzón esencial. O feito de qu’unha sociedade adopte unha forma creada por outra non significa qu’adopte a alma que produciu esa forma. Pode recibir o corpo sen recibir o espírito. Pode conservar a arquitectura d’unha Cultura desaparecida e, con todo, contemplala desde unha sensibilidade completamente diferente. Pode empregar unha palabra antiga sen conservar a experienza d’o mundo que lle deu orixe. Pode ensinar unha teoría científica creada noutra civilizazón e integrala n’unha concepzón d’o cosmos que non ten xa nada que ver co’a intuizón qu’a produciu. A transferenza d’a forma non implica a transferenza d’o principio qu’amerita a súa aparizón.
Unha Catedral gótica pode ser estudada por unha sociedade moderna como monumento histórico, como obxecto turístico ou como proeza técnica. Pode medir-se, fotografar-se, restaurar-se e incluso reproducir-se segundo os seus procedementos construtivos. Mais todo iso non significa qu’a sociedade qu’a contempla participe necesariamente d’a experienza espiritual que fixo posible aquela arquitectura. A mesma pedra pode ser unha cousa distinta segundo a alma qu’a mire. O edificio permanece; o mundo espiritual n’o qu’adquiriu o seu significado pode desaparecer. O mesmo ocorre co’a cienza. A matemática parece, a primeira vista, constituír a proba definitiva d’unha humanidade universal: dous máis dous son catro en calquera lugar e baixo calquera cultura. Porén, unha cousa é a validez formal d’unha proposizón e outra moi diferente a maneira n’a qu’unha Cultura experimenta o número, o espazo, a extensión, a medida ou o infinito. O número pode ser universal como instrumento formal e, con todo, a eleizón d’os problemas matemáticos, a importanza concedida a determinadas estruturas, a relazón entre matemática e natureza e mesmo a imaxe intuitiva d’o espazo poden estar profundamente determinados pol-a alma cultural. A cienza d’unha Cultura é, n’este sentido, unha maneira particular de facer preguntas ó mundo.
Non existe simplemente «a cienza» como unha entidade abstracta explorada de forma particular en cada época nin enfocada a descubrir feitos de forma gradual ata chegar ó coñecemento definitivo. Existen formas culturais. de coñecer, formas culturais de preguntar, formas culturais de seleizoar aquilo que merece ser coñecido. Unha Cultura pode explorar a harmonía d’o cosmos, outra a súa transformazón, outra a súa clasificazón, outra a súa subordinazón a unha orde sagrada… Mostra disto é qu’a fisica a química ou a bioloxía contan con diferentes. referentes en diferentes épocas, distinguidos polas culturas que promoven ditos avances, e non é ate a instaurazón de certas concepzóns artificialmente universalistas (como o crostianismo) que ditos campos comparten plano cultural. O mundo pode ser o mesmo; a experienza d’o mundo non o é, e polo tanto a súa explorazón é necesariamente diferente segundo o contexto e o suxeito explorador.
Por iso os grandes símbolos d’unha Cultura (que non os símbolos necesariamente universais) non poden ser traducidos completamente ós símbolos doutra. Podemos describilos, comparalos, estudalos e incluso chegar a unha comprensión histórica aproximada, mais sempre queda un resto irreductible. Hai algo que non se deixa transportar porque pertence á estrutura mesma d’a alma qu’o produciu.
É esta incomunicabilidade, precisamente, a qu’explica por qu’a historia d’as ideas non pode ser reducida á historia d’a transmisión d’as ideas. Un concepto qu’abandona a Cultura n’a que naceu pode continuar existindo nominalmente, pero non sen sufrir unha metamorfose completa. O que permanece é a palabra; o que muda é o mundo qu’esa palabra nomea, o trasfondo e o contexto qu’a precede. Cada Cultura vive, así, dentro d’unha especie de horizonte espiritual propio. Os seus membros, pol-o xeral, non o perciben porque nacen nel, d’o mesmo modo que non percibimos o aire como unha substanza extraordinaria mentres respiramos. As categorías co’as que pensamos xa están impregnadas dese horizonte. Antes de preguntar-nos que significa o mundo, xa estamos situados n’unha determinada maneira d’experimentalo. Ninguén escolle desde cero o seu horizonte espiritual.
E por iso tampouco existe unha traduzón perfecta entre Culturas. Podemos atravesar a súa fronteira intelectualmente, podemos contemplala desde fóra, podemos intentar reconstruír os seus símbolos, pero non podemos simplemente abandonar a nosa propia estrutura anímica como quen abandona unha habitazón. Toda comprensión é tamén unha interpretazón desde un determinado lugar histórico.
